FESTIVAL

Creación do Festival de Bandas de Música

Corría o ano 1997 cando a Banda Unión Musical Ponteledesma pon en marcha unha idea e un proxecto que levaba tempo en mente. Era a celebración dun Festival de Bandas de Música, cuxo obxectivo principal era promover o intercambio coas principais bandas de música da Comunidade Autónoma Galega. Deste xeito e coincidindo coa celebración do aniversario da devandita formación, estableceuse como data de desenvolvemento o último fin de semana de cada mes de Xullo. Así pois, cada ano por estas datas, levan a cabo no incomparable marco natural das Insuas de Gres unha serie de actos que constitúen unha das festas da música mais sinaladas nos calendarios bandísticos da comunidade.

Festival

A xornada empeza sobre as 12 do mediodia, co concerto das novas promesas da formación que integran a Banda Xuvenil da Unión Musical Ponteledesma. En ocasións tamén actúan diversos grupos de música de cámara como son o Tubatrom ou o Quinteto de metáis Insuas de Gres, grupos formados por músicos da banda e que ofrecen uns concertos alegres e desenfadados. A continuación dos primeiros actos musicais, leva a cabo unha comida de confraternidade cos socios da banda, uns 200, cos que se intercambian impresións e proxectos futuros. Como sobremesa e colofón á xornada festiva, contorna á media tarde celébrase o Festival de Bandas de Música, que conta normalmente coa participación de tres bandas convidadas e como non, a anfitrioa Unión Musical Ponteledesma.

Festival

Xa son vinte e unha as edicións celebradas nas que os amantes da música de banda puideron gozar das notas e acordes das principais bandas de música de Galicia como son a Banda Artística de Merza, Banda Municipal de Lalín, Banda Unión Musical de Meaño, Banda de Sta. Cruz de Rivadulla, Banda de Música de Catoira, Banda de Música de Salcedo ou a Banda Escola de Música de Beade, etc. Desde o ano 2015 o Festival tomou carácter de Internacional, ao contar desde ese ano cunha banda de fóra de España no Festival. Desde a primeira edición levan participado no Festival un total de 67 Bandas de Música, máis de 3.350 músicos e máis de 14.000 asistentes ao mesmo.

Así pois, cada último domingo do mes de Xullo, se son amantes do mundo bandístico teñen unha cita nas Insuas de Gres coa celebración do Aniversario da Unión Musical Ponteledesma e o Festival de Bandas Insuas de Gres.